1. Introdución
A avaliación ambiental é o proceso administrativo mediante o cal se analizan os efectos significativos sobre o medio ambiente que poden ter os plans, programas e proxectos, antes da súa adopción, aprobación ou autorización. A avaliación de impacto ambiental ( EIA) é o proceso de avaliación ambiental aplicado aos proxectos e pode ser de dous tipos: unha EIA simplificada, cuxa finalidade é determinar se o procedemento debe someterse ou non a EIA ordinaria, e unha EIA ordinaria, que finaliza coa Declaración de Impacto Ambiental ( DIA) e a súa integración na autorización do proxecto.
Están sometidos a EIA simplificada todos os polígonos eólicos, salvo aqueles destinados a autoconsumo que non excedan de 100 kW. Están sometidos a EIA ordinaria os polígonos eólicos con máis de 50 aeroxeradores, que produzan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 quilómetros doutro, e aqueles de máis de 10 aeroxeradores ou 7 MW de potencia que se sitúen en espazos protexidos.
2. Lexislación
2.0 Addenda
Real Decreto-lei 6/2022, do 29 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes no marco do Plan Nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína.
B. LOZANO CUTANDA (2022). Real Decreto Ley 6/2022: el nuevo procedimiento de determinación de afección ambiental aplicable a determinados proyectos de energías renovables. Actualidad Jurídica Ambiental, n. 123, Sección “Comentarios de legislación”.
2.1. Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental
O obxecto desta lei é establecer as bases que rexen a avaliación ambiental dos plans, programas e proxectos que poden ter efectos significativos sobre o medio ambiente (artigo 1.1).
2.2. Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade
Esta Lei contén no seu artigo 46, apartados 4 e 5, as previsións en materia da avaliación ambiental á que deben ser sometidos os plans e proxectos que, sen ter relación directa coa xestión do lugar ou sen ser necesarios para o mesmo, poidan afectar a ZECs e ZEPAs declaradas e aos LICs que figuren na lista aprobada pola Comisión Europea.